Thursday 02 de May de 2024

O Concello lanza a segunda edición da campaña ‘Aposta pola parte boa do deporte’, para sensibilizar fronte á adicción ao xogo entre os máis novos


Mozas e mozos deportistas da cidade son os protagonistas desta iniciativa, que busca facer fronte á ludopatía desde idades temperás

O Concello da Coruña, a través da área de Benestar Social e en colaboración coa Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (Agalure), lanzou hoxe a segunda edición da campaña ‘Aposta pola parte boa do deporte’, que busca incrementar a sensibilización sobre a adicción ao xogo entre os máis novos.

Na nova campaña, que retoma o espírito e o hashtag da edición anterior, os protagonistas son seis mozas e mozos baloncestistas da cidade. A campaña gravouse na praza de San Pablo, un dos lugares máis populares entre a mocidade que practica este deporte na Coruña, e responde aos formatos de vídeo máis usados polas novas xeracións na actualidade, como son as stories de Instagram e os vídeos de TikTok.

Na presentación da campaña, na que participou o presidente de Agalure, Francisco Gil, a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, subliñou o compromiso do Concello coa loita contra a adicción ao xogo entre a mocidade. “O xogo é unha actividade de risco que pode ocasionar graves danos no desenvolvemento persoal e social dos máis novos, e está directamente relacionado con estados de ánimo depresivos, inestabilidade emocional, ansiedade e agresividade”, subliñou Neira.

A concelleira puxo en valor as liñas de acción postas en marcha polo Goberno municipal para achegar á mocidade ao ocio saludable. En paralelo á prohibición do botellón en espazos públicos aprobada por Inés Rey no actual mandato, o Goberno municipal “acompañou esta medida cunha oferta de actividades que encaixase coas persoas mozas, como a programación de talleres e obradoiros que se leva a cabo no Remanso, e tamén a través de programas como Nocturnia”.